Ponteareas solicita a adhesión ao servizo de administración electrónica da Deputación

Ten a intención de implantala xa en 2017 e completar o seu desenvolvemento a través da estratexia DUSI

benito-marquez-aula-cemitO Concello de Ponteareas fixo chegar á Deputación de Pontevedra a súa solicitude para adherise ao servizo de administración electrónica que ofrece o ente provincial aos concellos. O Goberno local ten a pretensión de implantar a sede electrónica no Concello, coa dotación dun rexistro electrónico e portal do cidadán, entre outras ferramentas, no 2017. Desta maneira, o Concello accedería de balde nos seus primeiros anos de funcionamento a unha solución para dar cumprimento da a nova lei de Procedemento Administrativo.

O plan do Goberno local vai alén desta medida e medita completar o desenvolvemento da administración electrónica a través das liñas estratéxicas do DUSI “Hábitat Saúdable”.

“Con máis de 23.000 habitantes, Ponteareas precisa dun novo sistema adaptado aos tempos. É a nosa prioridade modernizar o sistema para acercar a administración cara a veciñanza e, por tanto, desenvolver un dereito tan básico como o acceso en igualdade de condicións á administración.”, explica o edil de Novas Tecnoloxías, Benito Márquez.