O Corpus de Ponteareas 2016 remata con éxito de visitantes e calidade das alfombras de flores

Un ano máis, e xa van 159 anos documentados, a vila do Tea recuperou a súa mellor faciana para mostrar a mellor arte efémera con multitude de cores e formas.

Espertou a veciñanza, pasados os festexos, con un sol que non acompañou na fin de semana, á hora de facer os alfombrados, mais que non foi impedimento ningún para enfeitar Ponteareas cos seus máis famosos ornamentos na honra do Corpus Christi. Longas noites de traballo xa ficaron atrás, co sorriso de ter acadado, e mesmo superado, os obxectivos marcados un ano máis. O maior festexo da localidade demostrou de novo que Ponteareas é xa un punto sobranceiro no mapa internacional de arte efémero, entre todos aqueles lugares que celebran a festa do Corpus con alfombras de flores.

Q55A6784

Dende o sábado 22 de maio no que o xornalista Roi Groba deu o pregón, que comezaron as actividades e actuacións polas rúas da vila, o municipio acolleu visitantes que se achegaron a coñecer a arte dos alfombristas de Ponteareas, acadando o seu punto cumio o domingo pola mañá na que puideron ver os 22 alfombrados e o paso da procesión do Corpus Christi. A veciñanza e turistas puideron visitar e gozar tamén da exposición do Corpus no tempo na Praza de Abastos, onde se mostraban o desenvolvemento da celebración ao longo dos anos.

A calidade dos tapices non deixou indiferente a ninguén. O esforzo dos e das alfombreiros e alfombreiras venceu os apuros acontecidos por mor do tempo desfavorábel. Ano tras ano, o nivel de creatividade de moitas alfombras acadou cotas formidables. O xogo de cores, degradados e diferentes materiais puídose apreciar en cada un dos mantos espallados polas céntricas rúas de Ponteareas.

O domingo foi todo un éxito en asistencia ao longo do día. Pola tarde, cun ceo máis claro, a batalla de flores e o paso das  carrozas foi un espectáculo aplaudido.  O posterior concerto do grupo de folk galego Luar na Lubre na Praza Maior tivotamén unha gran acollida polo público. A última actuación do Corpus, a orquestra Panorama, congregou na noite do luns a máis de 6.000 persoas na Praza Maior co seu espectáculo de luces, cor, música e baile.

Q55A0991

Ademais da delegación de La Orotava, vila coa que Ponteareas está irmandada dende 1985, e da xa tradicional alfombra dos irmáns de Monçao, esta edición contou coa presenza dunha nova delegación da cidade portuguesa de Vila do Conde que mostrou unha maneira diferente de confeccionar os tapetes.

A festa foi pechada coa entrega das Medallas de Prata do Corpus Christi. Un emotivo acto que valeu para recordar as raíces desta celebración e render unha merecida homenaxe a alfombreiros escollidos por cadanseu tramo.

Un Corpus que foi seguido dende moitas partes do planeta grazas ás cámaras web que o goberno local instalou para poder monotorizalas a través da páxina do concello. Un Corpus que tivo unha intensa actividade nas redes sociais ao longo de toda a fin de semana. Un Corpus que gozou de cobertura nacional e internacional en varios medios de comunicación como a TVG e a TVE. Mesmo no Telediario do domingo foi a única vila referenciada polas alfombras de flores do Corpus, grazas ao traballo e dedicación á súa vila de Roi Groba, xornalista da televisión pública estatal e pregoeiro deste ano. Un Corpus que, en definitiva, segue situando a Ponteareas como unha auténtica referencia internacional na confección de alfombras de flores.