Ponteareas acolle a primeira edición do Encontro coa Lusofonía adicado a figura de Rosalía de Castro o 3 e 4 de xuño

O Instituto Galego de Estudos Internacionais e da Paz organiza estas xornadas baixo o nome de Cultores e cantores da lingua galega e portuguesa. Tratan de afondar nas raíces comúns das culturas irmás galego e portuguesa, así coma a súa lingua e literatura, de raíces comúns.

Luís Risco presenta o proxecto Cultura que une nunha exposición fotográfica, na que se entronca con esta iniciativa coa que colabora o Concello de Ponteareas.  “É unha asociación promovida por diferentes fundacións, asociacións, empresas e particulares de Galiza e do Norte de Portugal que ten por obxectivo profundar o reencontro e a descuberta do patrimonio común, desenvolvendo, para o efecto, actividades en que a cultura e a empresa camiñan xuntas na mesma dirección: a revalorización da antiga Gallaecia”, explica.

O Encontro coa Lusofonía comezará o venres 3 de xuño ás 19.30 horas na Casa do Concello coa introdución dos relatorios e coloquios a cargo de Artur Alonso, presidente do IGESIP, explicando unha visión lusofóna e internacional da paz. O organismo fomenta estudos e proxectos “na procura dunha nova sociedade que debería ter como alicerces a evolución do individuo e da sociedade, onde o centro sexa o ser humano e a rede natural, e non só o mercado e as finanzas”.

Deseguido, ás 20.00 horalusofonía (1)s haberá un concerto de guitarra clásica da profesora do Conservatorio Profesional de Música de Santiago Isabel Rei con pezas da tradición da illa de Madeira, Brasil e Galiza. Ás 20.30, falará o profesor e doutor da Universidade de Santiago de Compostela Carlos Quiroga sobre o seu libro A imagem de Portugal na Galiza.

Ás 21.15, como remate da primeira xeira, no café Onde Sempre, terá lugar un recital poético da man de Isabel Blanco, Rosa Negro, Cruz Martínez, Manuel Blanco Rivas, Alexandre Insúa e Artur Alonso, acompañados pola guitarra de Andrés Fernández.

O día 4 continuarán as xornadas ás 18.30 horas co relatorio do xornalista e doutor Joel Gomes, especializado na figura do filólogo e escritor galego Ernesto Guerra da Cal. Ás 19.00 falará a poeta e profesora de Lingua e Literatura galega Iolanda R. Aldrei sobre O ben común en Rosalía de Castro. A continuación, haberá un coloquio sobre a muller na cultura galega e portuguesa no que intervirá tamén Concha Roussia. Mentres tanto, a partir das 18.00 horas, a cultura minhota terá o seu protagonismo co pasarrúas a cargo do grupo Os Teimosos de Monçao. Para concluír o evento, ás 21.00 horas no Reveriano Soutullo haberá festival de música galego-portuguesa coa participación dos grupos Contrabalde, Os Teimosos e Son da Triga.