O Concello de Ponteareas presenta hoxe a revista “Pregón”

CORPUS 2014O Salón de sesións acollerá este xoves, día 12 de xuño, ás 20:30 horas a presentación da revista Pregón, publicación do Concello de Ponteareas, que recolle ano tras ano artigos referentes ao Corpus, convertíndose nunha referencia escrita e visual de todas as alfombras confeccionadas o ano anterior e que ten unha ampla difusión non só en Galicia e España, senón tamén alén das nosas fronteiras, como en Uruguai, Arxentina, Cuba, Venezuela, México, etc, onde os nosos ponteareáns que están fóra a gardan ano tras ano como un prezado tesouro.

Segundo o concelleiro de Cultura, Andrés Sampedro Fernández,  a revista Pregón, ou Revista da Festa do Corpus Christi de Ponteareas,  é unha publicación importantísima para o espallamento da nosa festa do Corpus e, asemade, é unha excelente canle de difusión onde estudosos de renome poden plasmar as súas investigacións sobre o Corpus, Ponteareas e a súa comarca, contribuíndo, pois, á difusión de todo tipo de estudos de temática local.