Novas contratacións no Concello de Ponteareas

concelloRecibida a resolución de concesión por parte da Deputación Provincial, do plan de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, o concello de Ponteareas inicia os trámites administrativos internos que darán lugar no seu momento, a presentación das  ofertas perante o servizo público de emprego.

O alcalde Salvador González destaca a importancia deste novo proxecto dado que “se enmarca nunha nova acción de fomento do emprego por parte do  concello, que servirá para a realización de traballos e a prestación de servizos de interese xeral ou social”

O número de traballadores contratados será de vinte e destinaranse a labores de conservación, acondicionamento, limpeza e melloras das zonas medio ambientais, así como a conservación e mantemento das infraestruturas municipais.

Pola súa banda  a Concelleira de Emprego e Desenvolvemento Local, Marisol Valado, subliñou que con este plan  “favorécese a formación e práctica profesional daqueles traballadores que sexan contratados”. Tamén fixo fincapé en que “dende a súa concellería ofrecémoslle aos desempregados a oportunidade para adquirir experiencia laboral que redunde na mellora da súa empregabilidade e que facilite a súa futura inserción no mercado de traballo, canalizando a práctica laboral adquirida cara a ocupacións que faciliten unha maior estabilidade no emprego”

O perfil dos traballadores que sexan contratados será: desempregados maiores de trinta anos, preferentemente non perceptores de prestacións, ou perceptores de prestación sociais destinadas a garantir os recursos económicos mínimos (RISGA), inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes de emprego, non ocupados e que estean dispoñibles para o emprego no momento da selección e da firma do contrato.