O Concello de Ponteareas celebra que a distinción do Corpus Christi como BIC Inmaterial entre na súa fase decisiva

O Concello de Ponteareas celebra que a distinción do Corpus Christi como BIC Inmaterial entre na súa fase decisiva
  • O DOG publica hoxe a incoación do procedemento como manifestación do patrimonio inmaterial de Galicia por ser un “ritual festivo recoñecido dotado cunha alta pegada de coñecementos populares”, dando un prazo máximo de 24 meses para a resolución definitiva. Confíase en que se axilicen os trámites
  • Nava Castro: “É unha grandísima noticia para Ponteareas. Preservar e potenciar a tradición do Corpus é fundamental e será clave na folla de ruta deste goberno na área de promoción turística. Darémoslle máxima prioridade”

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe (número 117, páxina 38695) a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial o Corpus Christi de Ponteareas. A noticia é moi ben recibida no seo do equipo de goberno porque “é un recoñecemento máis que merecido a toda unha vila e a unha tradición que nos fai únicos e nos distingue a todos os niveis”, segundo palabras da alcaldesa, Nava Castro.

A publicación do diario oficial recolle que o Corpus Christi de Ponteareas “constitúe un ritual festivo recoñecido polo seu uso social, ritual e cerimonial, dotado cunha alta pegada de coñecementos populares sobre a natureza, os elementos naturais e os ciclos do campo, para confeccionar un conxunto artístico dotado de variadas representacións e símbolos, provisto dunha significación cultural que supera o ámbito relixioso para vincularse coa cultura popular e as súas manifestacións, circunstancia que implica un elevado coñecemento e desenvolvemento de técnicas artesanais tradicionais, tanto nas actividades produtivas coma nos procesos de posta en práctica”.

O procedemento legal para obter este prestixioso recoñecemento ten un prazo máximo de resolución de 24 meses contados a partir da data desta resolución, aínda que se confía en que se axilice o procedemento para que “Ponteareas poida certificar que a tradición do Corpus conta, ademais do peso da historia, do respaldo popular e da atracción dos visitantes, cunha distinción do máximo nivel”, explica a rexedora ponteareá.

A noticia, esperada desde que en 1995 se promovese o primeiro recoñecemento, foi moi ben acollida no Concello, desde onde se quere poñer en valor o traballo fundamental das persoas e colectivos de alfombristas, que “protexeron, fomentaron e divulgaron este saber facer único de xeración en xeración. Eles e elas son os grandes artífices desta boa nova e por iso serán os grandes protagonistas nos vindeiros anos”. “Este goberno xa comprometeu o seu apoio decidido, cun amplo paquete de medidas que poremos en marcha xunto a eles, para que o Corpus Christi sexa protagonista durante todo o ano, en toda a vila e para todos os públicos”, relata Nava Castro, que engade que “é unha grandísima noticia para todo Ponteareas. Preservar e potenciar a tradición do Corpus é fundamental e será clave na folla de ruta deste goberno na área de promoción turística. Darémoslle máxima prioridade”.

Esta fase definitiva do expediente arranca da man do novo período político en Ponteareas e contará co respaldo do goberno no seu conxunto para que a vila sexa un referente en materia cultural e turística co Corpus Christi e as alfombras florais como argumento clave.