Ponteareas prepárase para celebrar o XII Open Vila do Corpus de Tenis

Ponteareas prepárase para celebrar o XII Open Vila do Corpus de Tenis
  • Organizado polo Club Tenis Ponteareas en colaboración co Concello, o torneo contará coa participación de 135 deportistas e de varios top ten do ranking galego
  • Nava Castro: “Agradecemos ao club a súa dedicación e traballo para traer a Ponteareas este torneo e brindar á veciñanza a oportunidade de desfrutar na nosa vila do tenis de alto nivel”

Ponteareas quenta motores para acoller a treceava edición do Open Vila do Corpus de tenis, un dos eventos deportivos máis destacados da vila que se celebrará do 23 de xuño ao 2 de xullo nas pistas da Freixa. Organizado polo Club Tenis Ponteareas en colaboración co Concello, o torneo contará con algunhas das mellores raquetas da comunidade, que regresan do seu periplo deportivo polos Estados Unidos.

Estes días 135 deportistas de sete categorías diferentes, dende benxamíns ata veteranos +45, mediranse en varios encontros que prometen entreter ao público cunha competencia de alto nivel, un xogo excepcional e un espectáculo deportivo único no que poderá desfrutarse de varias e varios top ten do ranking galego de tenis. O torneo repartirá 1.000 euros en premios en metálico.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou o alto nivel dos participantes do Open Vila do Corpus e valorou o esforzo continuo do Club Tenis Ponteareas para organizar este trofeo ano tras ano. “Orgullécenos poder recibir na nosa vila a tenistas de elite e poder gozar de tanto talento e da paixón que amosan en cada partido. Agradecemos ao club a súa dedicación e o seu arduo traballo para levar adiante este torneo e brindar á veciñanza a oportunidade de desfrutar aquí do tenis de alto nivel”.