
Levaranse a cabo dous proxectos de mellora da Carpeta Cidadá e de almacenamento de datos
Estarán financiados ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Política Territorial
Ponteareas continúa captando fondos europeos Next Generation EU para a mellora de todos os eidos municipais. Nesta ocasión, o Concello vén de recibir dúas subvencións por un importe total de 160.000 euros para a transformación dixital e a modernización da administración local ao abeiro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Ministerio de Política Territorial.
Por un lado, o Concello acadou unha axuda de máis de 75.000 euros para desenvolver melloras de integración coa Carpeta Cidadá que contribúan a que cidadanía e empresas teñan unha visión centralizada da súa información a través desta ferramenta estatal. O proxecto, xa licitado e adxudicado, constará de dúas fases, unha na que se realizará un estudo da evolución do sistema de tramitación e outra para o indexado e configuración da interoperabilidade.
Neste camiño cara a unha transformación dixital maior, o Concello tamén levará a cabo un proxecto de subministro, instalación, migración de datos e posta en marcha de cabinas de almacenamento que contribuirá a mellorar a capacidade de almacenamento dos Centros de Procesos de Datos municipais, para poder aloxar diferentes servizos que repercutirán de xeito directo na veciñanza. Tras o subministro e instalación do material, procederase á configuración, migración dos recursos existentes e a súa posta en marcha. O proxecto, que conta cunha subvención de 83.500 euros, xa foi licitado e adxudicado.
A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, amosou a súa satisfacción por volver captar fondos europeos para melloras que afectan directamente á cidadanía e recalcou o compromiso do Concello “coa transformación dixital e a mellora dos servizos para os nosos veciños e veciñas”.
