O Concello contratará a 16 persoas desempregadas no marco do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra

O Concello contratará a un total de 16 persoas desempregadas grazas á liña de subvención do Plan + Provincia da Deputación de Pontevedra co obxectivo de avanzar na inserción laboral. En total, o ente provincial achegará á administración local 242.775 euros cos que se incorporarán profesionais do eido do medio ambiente, administración, vías e obras, protocolo ou xestión, entre outros.

 

Deste xeito, o Concello reforzará os servizos que presta a cidadanía mediante a incorporación de oito peóns de medio ambiente que se encargarán de tarefas como o desbroce e o mantemento de espazos públicos. Ademais, a administración local sumará tres monitores que desenvolverán o seu labor tanto na residencia de maiores como na ludoteca. Apoiarán tamén as tarefas que teñan lugar nas áreas de mocidade e voluntariado.

 

Coa achega da Deputación, contratarase a un técnico de xestión que prestará os seus servizos no departamento de fondos europeos e un auxiliar administrativo que se encargará de poñer ao día o arquivo e documentación en distintos departamentos, entre outras cuestións. Igualmente, incorporarase unha persoa especializada en protocolo para a organización e coordinación de cerimonias solemnes.

 

Tamén sumarase, por unha banda, un peón para o departamento de vías e obras que reforzará o mantemento das estradas e a realización de apoio das labores de construción e o mantemento dos edificios municipais e, por outra banda, un condutor-palista que servirán de apoio loxístico aos diferentes departamentos do Concello.

As persoas que desexen presentarse ás probas para a consecución destes postos de traballo deben acudir ao Servizo Público de Emprego e solicitar a súa inscrición nos seguintes códigos.

Peón medio ambiente: 95.12.10.19

Monitor/a: 37.24.10.34

Técnico/a protocolo: 26.52.10.15

Técnico/a xestión: 26.22.10.36

Auxiliar administrativo/a: 43.09.10.29

Palista: 84.32.10.42

Peón vías e obras: 96.02.10.13