A Banda de Música “Unión de Guláns” abrirá a inauguración da exposición “Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia” este sábado 24 de xaneiro en Ponteareas.

Banda- UniónO vindeiro sábado, día  24 de xaneiro, ás 20:00 h  terá lugar no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas a inauguración da exposición “Bandas de Pontevedra. Homenaxe ás bandas da provincia”, organizada pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Ponteareas.  O acto inaugural contará co concerto da Banda de Música “Unión de Guláns”, ás 20:30 horas no citado auditorio, onde se poderá contemplar a exposición desde o día 24 de xaneiro ata o 23 de febreiro, clausurándose en febreiro co concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo.

Esta exposición ten como obxectivo seguir potenciando en todo o posible o labor das bandas de música en Galicia e en Pontevedra, poñendo en valor e difundindo esta realidade máis alá dos que xa a cotío están interesados nela, achegándoa a todo tipo de público. Entre as bandas homenaxeadas figuran as de Ponteareas, a Banda de Música “Unión de Guláns”, banda histórica que naceu hai máis de cen anos, ou a Banda de Música Xuvenil de Xinzo.

A través desta exposición, comisariada por Xaime Estévez Vila e Ana Costas Carbajal,  faise un percorrido por distintas cuestións, entre os que se poden salientar o papel actual das mulleres na música ou a función educativa e cultural das bandas. Ao mesmo tempo, o visitante poderá coñecer anécdotas e curiosidades sobre estas agrupacións na provincia, como a cantidade de profesionais e estudantes implicados, os concellos que máis bandas teñen, os que nunca tiveron ningunha, as diferentes composicións das bandas atendendo a idades, nivel de estudos, así como as  primeiras gravacións editadas. Para conseguilo, a mostra conta con innumerables fotografías, informacións e gravacións que foron achegadas polas propias bandas, pero tamén con estudos e datos facilitados por expertos e investigadores, partindo do mestre Rogelio Groba e seguindo con estudosos como Luis Costa, Javier Jurado, Paz Antón, Nuria Barros, Rosa María Arija Soutullo, Alejo Amoedo, Sergio Noche ou enrique Lorenzo, ademais da Federación Galega de Bandas de Música.

O Concello de Ponteareas quere agradecerlle á Deputación Provincial de Pontevedra a iniciativa desta exposición que, como non podía ser doutro xeito poderá ser contemplada na Vila do Tea, historicamente berce de grandes músicos e de grandes bandas, contando na actualidades con tres bandas, a Banda de Música “Unión de Guláns”, a Banda Xuvenil de Xinzo ou a Banda de Música Reveriano Soutullo.