O Servizo de Extinción de Incendios de Ponteareas contará cun novo camión para a prevención e extinción de incendios.

Bombeiros-de-PonteareasO Concello de Ponteareas contará cun novo camión cisterna para a extinción de incendios, cedido gratuitamente polo Concello de Vigo, e que fora solicitado pola Alcaldía de Ponteareas, tendo en conta que o citado vehículo atopábase retirado do Servizo de Extinción da cidade olívica e non era empregado.

Trátase, concretamente, dun camión  cisterna de 3.000 litros de capacidade, marca Iveco, cunha antigüidade de 20 anos, pero que se atopa nun estado adecuado, tanto na súa cadea cinemática como do corpo da auga, que lle permite ser destinado ao Servizo de Prevención e Extinción de Incendios.

O Concello de Ponteareas agradécelle ao Concello de Vigo a súa colaboración institucional e a citada cesión gratuíta deste vehículo que virá aumentar o parque móbil co que conta Ponteareas para a prevención e extinción de incendios, que nestes momentos está composto por dous camións para estes cometidos, e que redundará nun mellor servizo para a cidadanía ao dispor dun vehículo máis.