“Andaina pola Senda dos Muíños de Couso” e pola “Senda norte do río Tea”

Diapositiva1Este domingo e o vindeiro luns, poderase gozar novamente dunhas xornadas de sendeirismo a través das cales descubriranse paisaxes fermosas e elementos do patrimonio cultural e etnográfico de Ponteareas, dentro da programación que desde a Concellería de Cultura, que dirixe Andrés Sampedro, vén de organizar a Biblioteca Pública Municipal durante a época estival.

O domingo, día 24 de agosto, a cita será unha “Andaina pola Senda dos Muíños de Couso”, onde os amantes da natureza poderán ver de primeira man uns dos elementos que foron tan importantes dentro da vida galega e que marcaron os costumes e mesmo se reflectiron nas “cantigas de muíños”, ou na música. O percorrido comezará ás 9:00 horas, sendo o punto de encontro o inicio da senda, situado no cruzamento do Confurco, en dirección a Couso.

O luns, día 25 de agosto, ás 10:30 horas, terá lugar unha nova camiñada na que se percorrerá a “ Senda norte do río Tea”, partindo da Ponte dos Remedios (punto de encontro), chegando ata a Pontacóns, Pías, para volver novamente á Ponte dos Remedios.

Para poder participar nestas novas saídas, é imprescindible a inscrición previa na Biblioteca Pública Municipal de Ponteareas, en horario das 7:30 ás 14:30 horas, ou no teléfono 672 105 468, onde recibirán a información precisa. Así mesmo, para que se leven a cabo cómpre contar cun mínimo de cinco persoas.