Música e poemas na nova visita ao Cemiterio Municipal de Ponteareas

La Voz

Nova visita guiada polo Cemiterio Municipal de Ponteareas, este xoves 28 de agosto, a cargo de don Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez, amenizada con música de violín, a cargo de Rogelio Groba Otero, director da Orquestra de Cámara Galega e lectura de poemas na voz de Antonio Alonso Fontán.

Tras o éxito conseguido na primeira visita e, vista a curiosidade e a expectación xerada por este percorrido polo camposanto, a Concellería de Cultura que dirixe Andrés Sampedro, a través da Biblioteca Pública Municipal, leva a organizar unha nova xornada, ampliada, e que foi demandada por moitos veciños da vila do Tea. Terá lugar este xoves, día 28 de agosto, ás 20:30 horas, coa finalidade de dar a coñecer o patrimonio artístico que constitúe este conxunto funerario.

A visita correrá novamente a cargo do etnógrafo e estudoso Estanislao Fernández de la Cigoña Núñez,ī  gran coñecedor deste patrimonio funerario e autor do libro “Os marmoristas-construtores de tumbas dos séculos XIX e XX nos camposantos de Ponteareas”, ademais de ser un excelente orador, capaz de engailar os asistentes co seu coñecemento profundo sobre o tema e que non deixará indiferente a ninguén. Da man deste investigador, poderase coñecer a arquitectura funeraria e igualmente os traballos dos marmoristas de Ponteareas, autores de sorprendentes mausoleos, vistosos panteóns e artísticas lápidas. Ao remate, Rogelio Groba Otero, director da Orquestra de Cámara Galega, interpretará varias pezas de violín acordes co escenario e procederase á lectura de poemas, a cargo de Antonio Alonso Fontán.

Para poder participar nesta nova visita, é imprescindible a inscrición previa na Biblioteca ou chamando ao teléfono 672 105 468.