Adxudicadas por máis de 370.000€ as obras de mellora da eficiencia enerxética do conservatorio municipal

O conservatorio manterá as clases ao non perxudicar as obras os horarios lectivos

A concellería de Ensino que dirixe a tenente de alcalde Cristina Fernández e a concellería de Vías e Obras, que dirixe Chus Garrote, informan que se ven de adxudicar as obras de mellora da eficiencia enerxética do conservatorio municipal a unha empresa local polo total de 371.370,27€ (ive incluído) a través dun concurso público aberto para garantir a igualdade de oportunidades. Nesta adxudicación o concello conseguíu un aforro de 19.545,81€ respecto ao valor de licitación.

Cristina Fernández mantivo un encontro coa empresa adxudicataria para establecer os horarios de realización dos traballos co obxectivo de non entorpecer a actividade lectiva e de interrumpir o menos posible ás máis de 200 familias usuarias e ao equipo docente. De feito que este xa era un dos aspectos que se valoraron á hora da adxudicación. A empresa construtora adiantou que as obras serán realizadas en horario de mañá e se fose preciso tamén nas fins de semana e festivos para que o conservatorio municipal abra as súas portas con normalidade cada tarde de luns a venres.

O proxecto enmárcase dentro da estratexia “Ponteareas, hábitat saudable” que conta co apoio da Unión Europea a través dos fondos de Desenvolvemento Rexional. 

A concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote, detalla que o proxecto contempla o cambio completo da cuberta, a substitución de ventanais e luminarias, a insonorización dalgunhas aulas, arranxos e impermeabilización das paredes exteriores, entre outras accións que repercutirán no aforro enerxético, en dar un paso máis na contribución da protección medio ambiental e que suporán ofrecer á comunidade educativa un espazo de maior comodidade e calidade.