Alta participación nas festas de setembro

O lanzamento dos seis globos de San Miguel realizados por Enrique González e Vicky Amoedo coa colaboración do persoal de Cultura tamén tivo milleiros de seguidores.

Actividades para todos os públicos e deseñadas para os distintos sectores da poboación ateigaron as prazas do centro urbano

A concellería de Eventos, que dirixe a tenente de alcalde Cristina Fernández, salienta a alta participación nas actividades e actuacións organizadas dentro da programación das festas de setembra que contou co apoio da Deputación de Pontevedra.

Un ano máis, o concello pecha o mes das festas coa satisfacción de ter ofertado un programa lúdico e cultural que suscitou o interese non só dos ponteareáns se non tamén do resto dos habitantes dos concellos veciños.

Cristina Fernández considera que esta resposta positiva da veciñanza é froito de ofertar unha programación pensada para todos os públicos e tendo en conta as demandas dos distintos sectores da poboación.

Deste xeito, o programa das festas de setembro ofrecía propostas tradicionais como as actuacións de orquestras que contaron con moita afluencia de público pero tamén eventos novidosos como a holi party que visitaba por vez primeira Ponteareas e que congregou á mocidade ateigando a Praza Maior. Miguel Bouzó, concelleiro de Mocidade, ofreceu a oportunidade de desfrutar dun evento exitoso en distintas cidades galegas sen ter que sair da vila.

A xornada de xogos tradicionais que facilitou a interacción de maiores e pequenos, o festival folclórico, o concurso de gaitas do país, o concerto do polifacético Cristian Silva ou o festival de música Rebelde foron outras das propostas coas que gozou a veciñanza, ademais das actuacións das bandas de música arroupadas tamén por centos de persoas.

A XIII Feira Tradicional dos Remedios ofreceu máis postos que en anteriores edicións e trasladou a feira do gando á Feira Vella incrementando o número de exhibicións e razas expostas.

Os xigantes e cabezudos ou o espectáculo de rúa “Benito e Rufina” tamén contaron cunha boa comitiva de familias coas que percorreron o centro urbano.

Os eventos deportivos tamén foron seguidos por moitas veciñas e veciños así como o Festival das Brétemas ou a fin de semana sen glute na que a hostalería e BANASTRA ofreceron alternativas culinarias e produtos saudables.