A nova directiva do Club Ciclista Ponteareas abordará novos retos

O Club Ciclista Ponteareas afronta unha nova etapa coa renovación da súa directiva. Corenta e dous anos de historia reflexan a solidez deste equipo e deste deporte no noso concello. Dende o ano 1978 o Club Ciclista Ponteareas, que agora dirixe Pablo Javier Alarcón Cortés, crea escola e forma ciclistas profesionais que adestran na nosa comarca e compiten por todo o mundo.

A nova dirección, liderada por P. Javier Alarcón, Silvia García Seoane na vicepresidencia, Manuel Francisco Gil Domínguez como secretario, Manuel Gregores Martínez como tesoureiro e dez vogais, adianta que o club afrontará novos retos para que o ciclismo sexa un deporte de todos e de todas e que brinde a oportunidade a persoas con capacidades distintas e limitacións físicas ou psíquicas coa intención de superar todos as barreiras en equipo.

Deportividade e inclusión serán as bandeiras desta nova directiva e así llo trasladaron á concelleira de Deportes, Nahir Covelo, que lles desexa unha nova etapa cargada de éxitos profesionais e de obxectivos cumpridos ademais dos xa agardados podios.

O Club Ciclista Ponteareas quere por en coñecemento de todas as familias que as súas portas están sempre abertas para estudar calquera tipo de situación, circunstancia ou colaboración.

Todas as familias poderán contactar co club a través do correo electrónico clubciclistaponteareas@gmail.com ou do número de teléfono 622 644292.