Éxito de inscrición no II Enduro das Rosquillas que atraerá esta fin de semana a máis de 250 deportistas

O II Enduro das Rosquillas traerá a Ponteareas a máis de 250 corredores/as que percorrerán o monte da Picaraña nunha proba que forma parte do campionato de Enduro BTT da copa de Galicia.

A ADC Picaraña xunto con Biziebike, organizadores do evento deportivo, adiantan que esta nova edición resultou un éxito cubrindo todas as prazas ofertadas e quedando interesados e interesadas en lista de espera, “agradecemos a todas e a todos eles o interese amosado e convidámolos a que veñan a Ponteareas e desfruten igualmente desta xornada”.

A saída será no Pavillón Álvaro Pino este domingo ás 08:30 horas finalizando no mesmo punto sobre as 14:15, onde se procederá coa cerimonia de entrega dos trofeos nas distintas categorías de participantes.

Os corredores ascenderán en 4 ocasións a cota da Picaraña, para proceder de forma individual a descender noutras tantas ocasións por circuítos específicos e trazados nas ladeiras da Picaraña, sendo este descenso cronometrado e o que marcará as posicións finais dos corredores.

A organización, coa que colabora a concellería de Deportes que dirixe Nahir Covelo, quere agradecer aos patrocinadores e comunidades de montes de Arcos, Bugarín, Oliveira e Ponteareas o seu apoio.