Rafael Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, e Mª Luísa Castro do departamento de historia da Universidade de Santiago de Compostela, foron os encargados da sesión matinal das I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado que, por terceiro día consecutivo, abriron as súas portas no museo municipal de Ponteareas.
Novamente un numeroso público composto por estudosos de historia e arte, alumnado de grao das Universidades Galegas, afeccionados e cidadanía en xeral, desfrutou das conferencias destes dous expertos aos que se sumarán na xornada desta tarde o ministro provincial dos Franciscanos, Juan Manuel Buján, para falar da orixe e evolución de Ponteareas, a través do vínculo do convento de Canedo.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, adianta que mañá ás 10 horas volverá haber cita coas I Xornadas sobre o Patrimonio do Condado, da man de Carlos Andrés González Paz, do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, e de Clodio González Pérez, do Museo do Pobo Galego e da Real Academia Galega. Pola tarde, haberá tamén unha mesa redonda na que se recollerá a visión das asociacións culturais A.C. ViaxaMos no tempo, da Asociación Rancho de Reis de Guláns e da Asociación do Patrimonio Cultural Val do Tea.
As xornadas rematarán este venres día 6 de marzo coa palestra de Rafael Sánchez Bargiela sobre o patrimonio inmaterial do Corpus.