As bases reguladoras das subvencións para promover o emprego en Ponteareas xa se atopan na web municipal

O Concello pon a disposición de toda a veciñanza a normativa que regulará as subvencións para a contratación de traballadores en situación de desemprego

 

IMG-20150613-WA0061O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, vén de comunicar que as bases que rexerán a convocatoria de subvencións para o fomento da contratación de traballadores en situación de desemprego xa están a disposición de toda a veciñanza na web municipal, www.ponteareal.gal.

Esta normativa, que xa lle foi presentada polo rexedor a un nutrido grupo de empresarios no pasado mes de setembro, pódese atopar no apartado de “emprego público”, a través da seguinte ligazón.

Esta liña de axudas finánciase coa partida correspondente ao salario do alcalde ao que Represas renunciou trala súa toma de posesión. No ano 2015 a partida acada os 28.000 euros xa que até o mes de xuño foi consumida polo salario do anterior alcalde.

As axudas concederanse ás empresas ou autónomos que contraten traballadores desempregados que leven empadroados en Ponteareas polo menos un ano. A contía da subvención oscilará entre os 300 e os 2.000 euros, en función da estabilidade do contrato. Se este é indefinido a axuda será de 2.000 euros coa obriga do empresario de manter ao traballador contratado por un período mínimo 2 anos. Con 1.000 euros apoiarase o contrato de 1 ano de duración e con 500 euros outros contratos temporais. Por último os contratos en prácticas cunha duración mínima de seis meses recibirán 300 euros.

Autoemprego

Estas bases contemplan a posta en marcha de axudas ao autoemprego para as persoas desempregadas que poñan en marcha actividades e se dean de alta como autónomos creando así o seu propio emprego.

As subvencións serán concedidas por rigoroso orde de solicitude até o esgotamento da partida orzamentaria. O prazo para a presentación de solicitudes comezará trala publicación destas bases no Boletín Oficial da Provincia, que se efecturará nos vindeiros días, e rematará o 20 de decembro.