Xosé Represas convoca aos partidos para pronunciarse oficialmente sobre o PXOM

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, convocou aos partidos a unha comisión informativa de urbanismo o vindeiro mércores. A intención do rexedor local é que “os partidos oficialmente e con luz e taquígrafos se pronuncien sobre o PXOM modificado por imposición da Xunta. No caso de que exista consenso suficiente o PXOM levarase a Pleno para a súa aprobación”.

Represas rexeita a petición do PP quen reclamou máis tempo e unha exposición pública con fase de alegacións. “Ponteareas leva 17 anos sen Plan Urbanístico, por iso é unha irresponsabilidade pedir máis tempo e querer prolongar aínda máis esta grave situación. Unha nova fase de alegacións non é posíbel legalmente tal e como xa informou a arquitecta municipal, retrasaría varios anos máis o PXOM e suporía outro sobrecoste para o Concello”. O Alcalde lembrou que “a incapacidade do PP para aprobar o PXOM en 12 anos supuxo xa un custo para os ponteareáns de case 800.000 euros fronte aos 350.000 calculados inicialmente.

O Alcalde lembrou que “co goberno que eu presido, aceptáronse a maioría das alegacións veciñais e aprobouse o PXOM en 2016 co voto do BNG, PSOE e PP. Se hoxe non temos o Plan en vigor é unicamente porque a Xunta o rexeitou en 2017. Se a Xunta o tivera aprobado levaríamos xa dous anos con Plan Urbanístico”. Represas non comprende a postura do PP, de quen depende a aprobación do PXOM con maioría suficiente, xa que “unha vez que a Xunta rexeita o Plan e nos di como o quere só hai dúas opcións, ou aceptar o PXOM imposto pola Xunta ou seguir sen plan indefinidamente. Non existe unha terceira vía e o PP sábeo”.

O Alcalde espera que “o PP recapacite nestes días, deixe de lado os seus intereses electorais e apoie o PXOM. Aínda que non nos guste, co Plan imposto pola Xunta resolveremos tamén numerosos problemas, poderemos ter solo industrial na Lomba para novas industrias e máis emprego, conseguir terreos municipais para dispor de aparcamentos, equipamentos como a escola infantil ou parques e zonas verdes e solucionar os problemas legais que soportan numerosas empresas e comerciantes”.