Vanesa Fernández esixirá ante a Xunta de Galicia un transporte público efectivo á área sanitaria de Vigo

A concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Vanesa Fernández, vén de solicitar unha reunión coa Directora Xeral de Mobilidade

O goberno municipal xa iniciou os contactos con empresas de transporte para conseguir que as liñas interurbanas poidan acudir aos hospitais vigueses

reunion-ojeaA concellería de Seguridade Cidadá e Mobilidade do Concello de Ponteareas, xestionada pola Vanesa Fernández, está decidida a facer as xestións precisas para que os veciños e as veciñas de Ponteareas teñan un servizo de transporte público de calidade á área sanitaria da cidade de Vigo.

A edil ponteareá vén de solicitar unha reunión coa Dirección Xeral de Mobilidade “para garantir que todos os cidadáns estean en igualdade de condicións á hora de poder chegar con puntualidade a unha consulta médica, ben sexa no Meixoeiro, no Xeral-Cíes, en Povisa ou no novo hospital Álvaro Cunqueiro”.

O novo hospital vigués, que funcionará a pleno rendemento a partir do vindeiro mes de setembro e que empregou unha fórmula de financiamento público-privada ou PFI, disporá dun aparcadoiro de pago para os usuarios. Vanesa Fernández incidiu en que “é competencia da Administración ofrecer un servizo público de calidade, polo que o goberno municipal de Ponteareas loitará para conseguir que isto sexa unha realidade”.

Fernández tamén vén de iniciar os contactos con diferentes empresas de transporte para coñecer as súas necesidades en materia de accesibilidade a estes centros sanitarios. Representantes da Empresa Ojea S. A., que mantiveron unha reunión coa propia concelleira, co alcalde ponteareán, Xosé Represas, e coa primeira tenente de alcalde, María Jesús Garrote, coincidiron na preocupación de dar servizo aos ponteareáns que precisen acudir ao novo hospital.

Tanto a concelleira como a propia empresa cadraron no requisito indispensable de ter a capacidade de que o transporte que saia dende a vila de Ponteareas e outros concellos da comarca teña a capacidade acceder aos centros sanitarios vigueses de maneira directa, garantindo que os pacientes poidan asistir ás súas respectivas consultas sen ter problemas de desprazamento. Esta e outras cuestións serán tratadas na reunión que Vanesa Fernández manteña coa Directora Xeral de Mobilidade.