15 nenos e nenas saharauís reciben a benvida do Concello de Ponteareas

O acto contou coa asistencia dos alcaldes de Ponteareas, Xosé Represas, do alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e do alcalde de Arbo, Horacio Gil

Os rapaces, que pasarán os meses estivais en diferentes casas da vila ponteareá e doutros municipios da comarca, foron recibidos no salón de plenos do Concello de Ponteareas

recepcion-saharauis-1Os rapaces e as rapazas saharauís, de entre 9 e 13 anos, que se atopan en diversos domicilios particulares de municipios do Condado e da Paradanta dende a semana pasada, recibiron hoxe unha cálida benvida no Salón de Plenos do Concello de Ponteareas de parte do alcalde ponteareán, Xosé Represas, do alcalde de As Neves, Xosé Manuel Rodríguez, e do alcalde de Arbo, Horacio Gil e da presidenta da Asociación “Solidariedade Galega co Pobo Saharauí” (SOGAPS), Maite Isla.

O evento serviu para que todos os rexedores municipais e a presidenta da Asociación recordaran a importancia de iniciativas como “Vacacións en Paz”, que segundo o edil ponteareán permiten “un intercambio cultural entre Galicia e o Sahara e , asemade, representa un golpe na porta daquelas persoas con poder para arranxar unha situación de ocupación que xa dura décadas”.

Maite Isla, presidenta da asociación, quixo agradecer sobre todo “o compromiso e a solidariedade das familias acolledoras, que posibilitan que todos estes cativos pasen dous meses lonxe da insoportable calor que fai no Sáhara nesta época do ano e lonxe tamén de vivir situacións que moitas veces vulneran os dereitos humanos”. Isla agradeceu ademais a vontade de colaboración de todos os alcaldes presentes no acto, en especial a de Represas “por ter sido sempre un punto de apoio na nosa causa, xa dende moito antes de asumir a alcaldía de Ponteareas”.

De solidariedade tamén quixo falar Xosé Manuel Rodríguez, incidindo “na necesidade de recuperar este concepto na práctica política”. Unha solidariedade que, segundo o rexedor, “ben se reflicte neste tipo de proxectos, no traballo da asociación e na xenerosidade das familias acolledoras”. recepcion-saharauis-2

Horacio Gil, alcalde de Arbo, salientou “a oportunidade que teñen todos os cativos de esquecer durante algúns meses o triste contexto que vive o pobo saharauí e que se palpa con especial intensidade nos campamentos de refuxiados”.

O programa “Vacacións en paz” é unha iniciativa desenvolvida por SOGAPS que permite acoller a 28 nenos e nenas saharauís, entre 9 e 13 anos, en diferentes casas particulares das comarcas do Condado e da Paradanta durante os meses de xullo e agosto. A vila de Ponteareas será o fogar de oito destes rapaces. No conxunto de Galicia serán más de 300 os cativos que residirán durante os meses estivais na nosa terra.