Rematadas as obras de ensanche e mellora da vía A Cova-Cañoteira

A mellora deste camiño era prioritaria para mellorar a accesibilidade ás Cortellas

 

As obras de ensanche e mellora da vía A Cova Cañoteira, nas Cortellas, están rematadas. A alcaldesa, Cristina Fernández, e a concelleira de Vías, Obras, e Alumedado, Chus Garrote, visitaron o tramo para certificar o bo resultado da actuación. A concelleira destacou que coa nova vía “mellórase en gran medida a accesibilidade do lugar, unha prioridade para o Concello”, xa que, ata o de agora, había moitos tramos do camiño no que soamente pasaban vehículos lixeiros e había vivendas ás que non podía chegar nin unha ambulancia nin un camión de bombeiros.

 

O ensanche contou cun orzamento de arredor de 143.000 euros financiado con fondos propios a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A obra comezou a executarse tras a obtención dos permisos do Patrimonio da Xunta de Galicia e grazas á colaboración da veciñanza, que cedeu os metros precisos para proceder á ampliación da anchura do camiño. Os traballos executados pola concellaría incluíron o ensanche da estrada, a colocación de muros, a mellora da drenaxe mediante a execución dun colector e sumidoiros ao longo do treito de actuación e o seu posterior asfaltado. Tamén contempla a pavimentación doutro treito do camiño para dar continuidade ás pistas asfaltadas.

 

A concelleira Chus Garrote destaca que esta obra se suma á “longa lista” de ensanches e asfaltados acometidos polo Concello, como os xa realizados en Santa Cruz, Ribadetea; en Cillarga; A Urcela, Cristiñade; en Guillade; en Duca, Santiago de Oliveira ou Outeiro de Castro, en Fozara, entre outras moitas. “A concellaría fai importantes esforzos para dotar de maior accesibilidade aos fogares do rural e que así teñan máis e mellores servizos”, concluíu Garrote.