Ponteareas continúa traballando man a man coa Rede de Colaboradores do EURES Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia

Ponteareas continúa traballando man a man coa Rede de Colaboradores do EURES Transfronteirizo Norte Portugal-GaliciaO Concello de Ponteareas continúa a implicarse coa Rede de Colaboradores do EURES Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia, unha rede de cooperación para facilitar información sobre oportunidades de emprego no contexto de mobilidade fronteiriza de persoal e empresarios. A Axente de Emprego e Desenvolvemento, dependente da Concellaría de Formación e Emprego que dirixe Vanesa Fernández Soage, participou nas últimas xornadas postas en marcha por esta rede dirixidas a gabinetes de inserción profesional, orientadores laborais e axentes de desenvolvemento local de concellos e cámaras municipais. Nelas, ademais de Ponteareas, tamén participaron tamén representantes das cámaras municipais e AEDL de Oia, A Guarda e Salceda de Caselas, entre outros.

 

Nestas xornadas de traballo as e os participantes estableceron os obxectivos da Rede de Colaboradores de cara a futuras actuacións e, tras as novas incorporacións, revisaron os procedementos de contacto e colaboración entre os municipios implicados e o EURES Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia.

 

No encontro tamén trataron os efectos sobre a mobilidade transfronteiriza do restablecemento das fronteiras entre Galicia e Portugal, con contribucións de todas as entidades participantes, así como do Blog EURES Transfronteirizo NP-G e do Boletín Mobilidade Transfronteiriza, como material de difusión e de consulta da veciñanza.

 

Ao longo da xornada, as e os participantes trataron de identificar os novos obstáculos para a mobilidade detectados entre a poboación fronteiriza, como poden ser as prestacións da Seguridade Social para traballadoras e traballadores transfronteirizos, traballar simultaneamente en Galicia e Portugal por conta propia e allea ou o traballo a distancia, tanto na modalidade de teletraballo como noutras.

 

Como remate final da xornada o grupo de traballo propuxo unha serie de propostas de accións relacionadas co emprego e a mobilidade transfronteiriza no ámbito municipal e decidiuse comezar a elaboración dun proxecto piloto para o deseño e implantación de manuais de apoio de determinados profesionais de cara a que poidan exercer a súa actividade en España e Portugal conxuntamente.