Redrum Teatro presenta o espectáculo Amor Flexible, con Mela Casal, no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas

2014022416332556378O espectáculo está protagonizado pola famosa actriz galega Mela Casal, xunto con Tamara Canosa e Guillermo Carbajo. Está dirixido por Alex Sampayo sobre un texto da súa propia autoría compartida con Borja F. Caamaño, Araceli Gonda, Avelino González e Tamara Canosa.

O vindeiro venres 28 de marzo o Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas acollerá, a partir das 20.30 h, a representación do espectáculo Amor Flexible, da compañía de teatro Redrum.

Producida co apoio da Xunta de Galicia, Amor Flexible é unha comedia de enredo que fala das relacións de parella a través dos sete pecados capitais. Está protagonizada pola veterana actriz Mela Casal, con grande sona polos seus traballos no audiovisual galego, como alcaldesa de Mareas Vivas, a viuva de A vida por diante ou a entrañable Socorrito, do programa Luar. Xunto a ela dous actores novos pero cunha ampla experiencia, Tamara Canosa e Guillermo Carbajo, ambos os dous coñecidos polo gran público por ser os nenos das dúas series de televisión máis míticas da Tvg: Mareas Vivas e Pratos Combinados respectivamente.

A dirección vai a cargo de Alex Sampayo, director tamén coñecido polo seu traballo no eido audiovisual no que ten dirixido series como El Internado ou Padre Casares. Neste momento está a piques de estrear nos cines a súa ópera prima, unha longametraxe protagonizada por Candela Peña e Luis Zahera.

Amor Flexible é unha comedia escrita por Avelino González, Araceli Gonda, Tamara Canosa, Borja F. Caamaño e Alex Sampayo estreada o mes pasado na Coruña e que xa pasou polos teatros de Santiago de Compostela, Ourense e Cangas. Ponteareas é a quinta praza pola que pasa Amor Flexible nunha xira que percorrerá máis de 20 concellos galegos.

Trátase da cuarta produción da compañía Redrum Teatro, unha compañía fundada no 2009 que xa levou aos escenarios a obra de suspense A Pensión, protagonizada por Rosa Álvarez; o espectáculo infantil Moito Conto e a comedia Curriculum Vitae.

As entradas, cun prezo de 8€, pódense adquirir na billetería do Auditorio Reveriano Soutullo desde unha hora antes de que comece a representación.