Presentada a V San Silvestre Solidaria e a III San Silvestre Infantil de Ponteareas

 

presentacion-da-v-san-silvestre-solidaria-de-ponteareasO próximo sabado 31 de decembro de 2016 terá lugar a V edición da San Silvestre Solidaria de Ponteareas, con saída e chegada na Praza Maior de Ponteareas, unha proba solidaria e non competitiva organizada polos Taninos Runners de Ponteareas e o Concello.

O club Taninos Runners de Ponteareas quere indicar o alto grao de satisfacción pola moi boa acollida da proba. De feito, este ano amplíanse as prazas, tanto na proba de adultos como na infantil. Así, a intención da organización é xuntar a 1000 persoas correndo polas rúas de Ponteareas na última tarde do ano.

A proba quere manter o compromiso  solidario e non competitivo co que naceu e servir ademais de elemento dinamizador das rúas da vila neste día tan sinalado promovendo o deporte e a solidariedade.

A inscrición é de balde, solicitándose aos participantes e familiares que se acheguen á  praza Maior nese día, a doazón voluntaria de produtos alimentarios non perecedoiros e de hixiene persoal e do fogar. Todo o doado será destinado ao banco de alimentos do Concello de Ponteareas.

Neste ano 2016 celebraráse tamén a III edición da San Silvestre Infantil, na que poderán participar todos os rapaces e rapazas maiores de seis anos, distribuídos en tres categorías por idade. O inicio da proba infantil será a partir das 16:45 horas.

Na proba absoluta  poderán participar os maiores de catorce anos. Sobre un circuíto de 5 km  polo centro de Ponteareas daranse dúas voltas e a hora de inicio da proba absoluta será ás 17:30 horas.

As inscricións deberán facerse exclusivamente a través da páxina web www.taninosponteareas.com, ata  o día 29 de decembro ou ata completar o máximo de participantes establecido para esta edición, 750 para a categoria de adultos e 250 na categoria infantil. Non se aceptarán inscricións fóra  de prazo nin no mesmo día da proba.

Os Taninos Runners de Ponteareas queren agradecer toda a colaboración de persoas particulares e empresas privadas, que fan posible a realización desta festa deportiva no último día do ano. Ademais, agradecen a comprensión de toda a cidadanía polo corte das rúas do centro durante o desenvolvemento das probas.