Ponteareas urxe a necesidade da posta en marcha da ampliación da Área Metropolitana de Vigo

A Corporación Municipal de Ponteareas pediu na sesión ordinaria do pasado mes de xaneiro a súa adhesión. Esta será tratada, xunto a outros concellos veciños, en próximos plenos da Área.

O Goberno municipal de Ponteareas levou a pleno o pasado mes de xaneiro unha proposta para manifestar “a vontade do Concello de incorporarse á Área a partir do momento de constitución da mesma para participar dende o inicio na toma de decisións”. A proposta tamén recollía como unha das prioridades a incorporación ao transporte público na área metropolitana no menor prazo posible.

Unha vez constituída a Área, a pesar de todo, a concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade, Vanesa Fernández , lembra a necesidade e urxencia de pór en marcha o procedemento que permita a incorporación de novos concellos, porque “Ponteareas é a maior vila ao leste de Vigo, capital da comarca do Condado, e con influencia na actividade económica das vilas veciñas da Paradanta, non pode quedar fóra, dado que beneficiará á dinamización e desenvolvemento económico e comercial e par mais inri potenciará unha mobilidade activa e a baixo custo, capital para o futuro das xentes de Ponteareas e da comarca do Condado”, explica Vanesa.

A pertenza, o compromiso co traballo e a cooperación dentro da Área Metropolitana de Vigo fará que os nosos veciños poidan beneficiarse dunha de servizos independentemente da zona onde vivan ou do número de habitantes que teña o municipio. “Ponteareas, capital da comarca do Condado, non pode sufrir por máis tempo o afastamento no que nos sumiu a miopía política do PP non querendo que Ponteareas estea na toma de decisións da Área Metropolitana”, explicou Vanesa Fernández concelleira de Seguridade Cidadá e Mobilidade. “Se nada o impide, Ponteareas poderá adherirse á Área Metropolitana de Vigo na primeira ampliación”, indica.