Potada, xantar tradicional, obradoiro de licores e magosto este domingo en Fozara

A concellería de Cultura que dirixe Fernando Groba convida a toda a veciñanza a desfrutar da festa tradicional da Potada organizada pola asociación do centro cultural de Fozara para este fin de semana.

Enmarcada dentro do circuíto cultural municipal que promove e reforza a actividade socio-cultural levando actividades e propostas por tódalas parroquias de Ponteareas, a cita será este domingo día 17 ás 12 horas no centro cultural de Fozara.

Os maiores de Fozara ensinarán aos máis novos a facer augardente caseira coa receita tradicional para logo poder participar todos e todas as asistentes nun xantar popular. Deste xeito ás 12 horas acenderán o lume para que o pote da augardente comece a quecer e seguir, un a un, todos os pasos da receita herdada dos antergos.

Ás 14 horas será o xantar e ás 17 horas o obradoiro de elaboración de licores que dará paso ás 18 horas ao magosto tradicional acompañado do grupo de gaitas Pedra da Garza de Fozara.