Ponteareas xa goza do seu primeiro camiño escolar seguro

O Concello vén de recepcionar esta obra, que beneficia a máis de 1.500 escolares do CEIP Ramiro Sabell e dos IES Val do Tea, Pedra da Auga e Barral

A veciñanza de Ponteareas pode gozar xa do seu primeiro camiño escolar seguro. O Concello vén de recepcionar a obra coa que se transformou a rúa Trobador Xoán García de Guillade nun espazo público de calidade para as persoas, un itinerario que permite o desprazamento seguro de nenos e nenas ata os centros educativos da contorna e triplica o espazo para a veciñanza apostando pola mobilidade sostíbel.

A alcaldesa, Cristina Fernández, participou este venres no acto de entrega das obras por parte da empresa concensionaria. Acompañados de persoal municipal revisaron todos os detalles dos traballos realizados, que supuxeron un investimento de case un millón de euros financiados a través de fondos do, programa ReacPon concedido ao Concello pola Deputación de Pontevedra, do Plan Concellos e de fondos propios.

Este novo itinerario de algo máis dun quilómetro dá resposta a unha petición de toda a comunidade educativa e beneficia a máis de 1.500 escolares do CEIP Ramiro Sabell e dos IES Val do Tea, Pedra da Auga e Barral, que poderán gozar dunha maior autonomía empregando para os seus desprazamentos ata os seus centros escolares unha contorna amigábel, segura, saudábel e atractiva.

“É ilusionante ver xa en marcha un proxecto co que moitos rapaces e rapazas de Ponteareas poderán exercer o seu dereito a moverse con liberdade e autonomía nun hábitat saudábel, inclusivo, amábel e seguro, facilitándolles a todas e todos experiencias e aprendizaxes propias”, remarcou a alcaldesa, Cristina Fernández.

Un desfrute do espazo que se estende tamén á veciñanza, que xa comezou a usar este novo itinerario para os seus desprazamentos e lecer antes de estar rematado completamente. O espazo está dotado de arborado para xerar zonas de sombra e contribuír ademais á redución da pegada de carbono, ademais de contar cunha gran cantidade de hortensias, as flores máis representativas do Corpus. Todo o camiño conta con numerosos elementos de mobiliario urbano como bancos, pensados para que as persoas maiores poidan gozar do espazo e descansar durante os seus paseos.

A alcaldesa destacou que “a veciñanza poderá desfrutar da transformación dun espazo degradado, con beirarrúas estreitas e sen arborado nunha zona de calidade para o paseo, o desprazamento a pé e a relación social”.