Homenaxe ao idioma, ás letras e á música galega nunha nova edición da Gala da Lingua de Ponteareas

Será o 17 de maio, Día das Letras Galegas, nun acto que contará coa actuación de Malvela e coa entrega dos Premio ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ 2022

Ponteareas quenta motores para celebrar o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, unha nova edición da Gala da Lingua, un evento co que se homenaxeará a Francisco Fernández del Riego, á lingua e á música tradicional galega e ás e aos emprendedores que fan do galego o idioma de uso das súas empresas. A cita será ás 19.00 horas no auditorio municipal Reveriano Soutullo con entrada de balde ata completar aforo.

O actor Avelino González será o encargado de conducir a gala cos seus monólogos. González exercerá de presentador, co que o público terá sobre o escenario a unha cara coñecida por actuar en series como Serramoura, Pazo de Emilia ou Padre Casares para a TVG ou en Hospital Central, Cuéntame ou Seis hermanas na TVE1. Ademais de diferente traballos para cines ou series web, en teatro actúa, dirixe e traduce, tendo varios premios por obras como Bicos con Lingua ou Comedia.

O evento contará coa actuación musical de Malvela, un dos grupos de música tradicional galega máis populares, prestixiosos e emblemáticos de Galicia, que traerá a Ponteareas novas composición, coplas populares e pezas tradicionais adaptadas á realidade cotiá. Muiñeiras, malhao, rumba, xotas e pasodobres para non deixar que o corpo pare quieto e unhas letras onde reivindican ser mulleres e voces libres. Sobre o escenario cantarán pezas do seu disco O Benquerer, un canto de amor á nosa terra.

Por outro lado, durante a Gala da Lingua entregaranse tamén os galardóns da cuarta edición dos Premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ 2022, que recoñecen o labor de persoas e empresas que, día a día, achegan a lingua aos consumidores e consumidoras e contribúen coa súa actitude ao uso normal da lingua galega en todos os eidos da sociedade dende o sector empresarial. Os premios concédense nas categorías de longa traxectoria no uso da lingua galega, uso continuado e recente incorporación. O premio consistirá nunha escultura creada para estes premios polo escultor ponteareán Silverio Rivas.

O concelleiro de Lingua, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a achegarse ao auditorio municipal e “gozar dunha gala que resalta a importancia da nosa lingua e cultura e que nos brinda a oportunidade de fortalecela e promovela”.