Ponteareas renova o convenio do Parque Municipal de Bombeiros até 2018

O Consello da Xunta vén a aprobar a prórroga cun aporte económico de 125.000 euros anuais, o mesmo que no anterior convenio

recollida-camión-bombeiros-1O Concello de Ponteareas vén de recibir o convenio asinado entre a Xunta de Galicia, as Deputacións Provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias polo que se renova o aporte económico destinado a financiar o Parque de Bombeiros de Ponteareas, que contará con 100.000 euros anuais procedentes da Xunta de Galicia e 25.000 euros anuais da Deputación de Pontevedra até o ano 2018, inclusive.

Tanto o alcalde, Xosé Represas, como a concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, salientan que “se trata da mesma cantidade disposta no anterior convenio para un servizo que precisa máis efectivos dos que ten na actualidade”.

Neste senso, ámbolos dous edís lembraron que tanto o “Concello como a Deputación de Pontevedra están de acordo en incluír a Ponteareas no Consorcio Provincial de Bombeiros, creando unha segunda sede do Parque Comarcal do Porriño situada na vila do Tea, de xeito que permita dar un servizo mellor e máis profesional ao noso municipio e tamén ao resto de concellos pertencentes ás comarcas do Condado e A Paradanta”.

Vanesa Fernández lembrou que “son 7 os concellos que, ademais de Ponteareas, son atendidos polo noso Corpo Municipal de Bombeiros. As limitacións económicas coas que conta esta administración son máis que coñecidas, polo que precisamos que a Xunta de Galicia traballe conxuntamente co Concello e a Deputación para incluír a Ponteareas na rede de parques comarcais e así garantir que se presta un servizo da máxima calidade”.