O Concello traballa para atender as emerxencias provocadas polo temporal

A concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, contempla “mobilizar a todos os efectivos no caso de ser preciso”

“As emerxencias provocadas pola gran cantidade de choiva ocorrida nos últimos días están a ser perfectamente atendidas e serán perfectamente atendidas nos vindeiros días”. Son palabras do alcalde, Xosé Represas e da concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández.

O desbordamento do río Tea provocou inundacións na Freixa e na Moscadeira, ademais de asolagar varias vivendas da parroquia de Moreira. Até o de agora, o Corpo Municipal de Bombeiros está a ser capaz de resolver estas cuestións, pero “contemplamos a posibilidade de mobilizar ao corpo de Protección Civil e mesmo aos efectivos do Corpo de Bombeiros que estean de descanso no caso de ser preciso. Todos eles manifestaron os seu total compromiso, algo que agradecemos enormemente dende o goberno local”, afirmou Fernández.

As precipitacións recollidas ao longo destes días obrigan a suspender tamén calquera tipo de actividade no Estadio Municipal de Pardellas durante esta fin de semana.