Ponteareas recibe alumnado de dous centros escolares de Normandía

Forman parte do proxecto de Intercambio Escolar entre o IES “Pedra da Auga” de Ponteareas e os Centros Lycée “Albert Sorel” de Honfleur e o Lycée “Charles de Gaulle” de Caen.

O pasado 28 de marzo, chegaron á vila de Ponteareas 33 alumnos e os seus profesores, procedentes de Normandía (Francia), rexión coa que se comparte un proxecto de Intercambio Escolar do que forma parte o IES Pedra da Auga de Ponteareas.

O proxecto iniciouse este curso escolar como un intercambio cultural entre o alumnado de 4º ESO e 1º Bacharelato matriculado no IES Pedra da Auga na materia de Francés e os centros Normandos, utilizando as novas Tecnoloxías. Iniciado o programa a experiencia resultou tan positiva e satisfactoria para o alumnado e tamén para os profesores que decidiron coñecerse.

Nesta segunda etapa, o alumnado do Centro Pontareán visitou a localidade de Honfleur a primeiros de mes, sendo agora os anfitrions dos seus compañeiros franceses ata o vindeiro 4 de abril.

O mércores o alumnado implicado no intercambio (Normandos e pontareáns) foron recibidos no Concello polo Alcalde, Xosé Represas e a Concelleira de Ensino, Cristina Fernández, que lles deron a benvida e un agasallo para lembrar a súa estancia na nosa vila.

Xosé Represas lembrou que “o Goberno apoia totalmente estas iniciativas de intercambios que fomentan un maior coñecemento doutros idiomas, culturas e costumes, colaborando no desenvolvemento das actividades organizadas polo profesorado do Instituto en Ponteareas e a súa Comarca”.

“Para levar adiante estas iniciativas, é fundamental o traballo e a implicación do profesorado dos Centros. Felicito pois a o Pedra da Auga por levar adiante este intercambio que dará ao alumnado a oportunidade de vivir unha experiencia educativa que lles permite disfrutar dos compañeiros/as do país veciño e establecer uns lazos que, na súa idade, perdurará no tempo”, afirma Cristina Fernández.

Durante estes días o alumnado de Ponteareas, ten preparado para os visitantes, un programa de visitas a lugares de interés de Ponteareas e Comarca, Vigo, Santiago e Marín.