Ponteareas realizará actos conmemorativos no Día contra a Violencia Machista

O vindeiro venres 25 de novembro ás 12.00 horas terá lugar un acto institucional no salón de plenos da Casa do Concello

O acto consistirá na lectura dun manifesto por parte do alumnado dos cursos de 1º de Bacharelato dos IES de Ponteareas, IES Val do Tea e IES Pedra da Auga na que mesturaran narrativa con imaxes, poesía e rap. Ademais actuarán alumnos/as  do Conservatorio Municipal de Música Reveriano Soutullo con tres pezas. 

Acto no que se lle quere dar o protagonismo as/os rapaces onde traballaron nas aulas a temática de xeito transversal e aportan o seu punto de vista persoal en canto as violencias machistas en xeral e sobre todo, nas novas tecnoloxías, temática nas que se centraron as Xornadas deste ano.

Ás 17.00 horas no mesmo lugar haberá un acto de entrega  dos premios do “II Concurso de Debuxos contra a Violencia de Xénero”. Participaron máis de 200 nenas e nenos cos seus debuxos contra a violencia machista. O xurado do concurso asegura que foi difícil a escolla pola calidade e ideas que as máis cativas e non tan cativas demostraron coa súa participación nesta segunda edición do certame.

A Concellería de Igualdade, coordinada por Verónica Carrera, agradece a participación do alumnado e da implicación do profesorado nesta temática. Os debuxos participantes no concurso serán expostos ao público en vindeiras datas.