Ponteareas pon en marcha o Campus Tea Nadal 2015

A inscrición poderá efectuarse no departamento de Ensino até o 17 de decembro

campus-tea-nadalA concellería de Ensino, dirixida por Cristina Fernández, organiza, como xa fixera nas datas estivais, un campamento urbano destinado a promover a conciliación laboral e familiar e que permitirá que un total de 50 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos poidan gozar de diferentes actividades lúdicas e educativas durante os días 21, 22, 23, 24 28, 29, 30 e 31 de decembro; e 4 e 5 de xaneiro.

O prazo para poder inscribirse estará aberto até o vindeiro 17 de decembro, inclusive, e as solicitudes deberán ser presentadas no departamento de Ensino do Concello de Ponteareas, situado no segundo andar da Casa do Concello. A ficha de inscrición pódese cubrir a través desta ligazón,  solicitándoa no propio departamento de Ensino en horario de 09:00 a 14:00 horas ou nos centros de ensino do municipio.

As actividades desenvolveranse, maioritariamente, nas instalacións do CEIP Fermín Bouza Brey, pero os rapaces e rapazas tamén terán a oportunidade de realizar prácticas deportivas nas instalacións da Piscina Municipal e do Pavillón Álvaro Pino. O prezo de inscrición é de 45 euros por cada neno ou nena.

Trátase dunha “alternativa de lecer para a mocidade que amosa, unha vez máis, a firme convicción existente dende o goberno local de favorecer, dende a administración, a conciliación laboral e familiar de moitas persoas nas datas de períodos non lectivos” tal e como sinala Cristina Fernández. O horario no que se desenvolverán as actividades do Campus Tea Nadal 2015 será de 09:00 a 14:00 horas.