Ponteareas divulga a figura de Bouza-Brey polo seu 120 aniversario

Marcapáxinas e pousavasos encárganse de lembrar a importancia deste persoeiro

O Concello de Ponteareas, a través da súa Concellaría de Cultura que dirixe Fernando Groba, failles chegar marcapáxinas a todos os centros educativos e pousavasos a todas as cafetarías para divulgar e lembrar Fermín Bouza-Brey, un dos persoeiros máis importantes da nosa literatura con motivo do 120 aniversario do seu nacemento.

O autor de Nao senlleira e Seitura, iniciador da corrente vangardista do neotrobadorismo -tendencia que despois cultivarían Álvaro Cunqueiro ou Xosé María Álvarez Blázquez-, naceu na vila do Tea o 31 de marzo de 1901. Foi un dos fundadores do Seminario de Estudos Galegos en 1923, chegou a ser membro da Real Academia Galega en 1941 e, en 1992, dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Ademais da súa faceta literaria, Fermín Bouza-Brey foi un investigador en campos variados: folclore e etnografía, arqueoloxía, heráldica, arte, epigrafía, historia, historia da literatura e crítica literaria etc. Pódese dicir que foi un dos máximos especialistas en Rosalía de Castro.

“Trátase dunha data moi sinalada e dunha das persoas máis importantes das nosas letras e quixemos aproveitar tal efeméride para que tanto a comunidade educativa como o resto da poboación lembren a súa importancia” indica o edil de Cultura, Fernando Groba. “Bouza-Brey, ademais de Nao senlleira e Seitura, tamén publicou un pequeno Cancioneiro das ribeiras do Tea. Así, os marcapáxinas e pousavasos conteñen algunhas destes anaquiños da nosa cultura” sinala o concelleiro nacionalista.

Os pousavasos, para alén de seren coleccionábeis por conteren diferentes textos e modelos, posúen tamén un código QR que, de aplicarlle un lector dixital, redirecciona a unha páxina web que contén e amplía a información sobre este célebre escritor ponteareán.