Novos cursos de balde da aula CEMIT de Ponteareas

A concellaría de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico de Ponteareas, que dirixe Benito Márquez, informa que abre o prazo de inscrición dos novos cursos que oferta a Aula CEMIT, situada no Centro Social na rúa Oriente.

Neste mes de abril a aula CEMIT de Ponteareas ofrecerá cursos para maiores de manexo básico de Android, ordenador, navegación e correo electrónico. Estes cursos serán presenciais e en grupos reducidos, e teñen o obxectivo de mellorar o seu manexo do teléfono móbil ou tableta e das súas aplicacións para a procura de información, para a realización de xestións coas administracións e para facilitar ferramentas dixitais que lle axuden no ámbito social e familiar. Tamén haberá cursos en liña de iniciación ao WordPress, ao procesador de texto Libreoficce, ao retoque fotográfico (Gimp) e a creación de publicacións na nube (CANVA).

A inscrición nos cursos pode realizarse na seguinte ligazón  https://cemit.xunta.gal/gl/centro/59

O alumnado contará con titorías online e offline por correo electrónico e en liña segundo cita previa no horario de atención do aula todos os días de 9 a 11 horas e os mércores de 21:30 a 22:30hrs.

A aula CEMIT ofrece formación informática totalmente de balde axeitando o deseño dos cursos á demanda e necesidades da cidadanía, por este motivo o responsable dos cursos recorda que as persoas interesadas poden achegar á aula CEMIT suxestións para estudar as necesidades de formación informática e programar distintos niveis e contidos a medida da demanda.

“O obxectivo desta aula é promover a inclusión no uso das novas tecnoloxías, ofrecendo os coñecementos necesarios para que as persoas poidan desenvolverse cun ordenador, e prestando especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital”, explica Benito Márquez, engadindo que “tamén buscamos fomentar a formación dixital entre os profesionais e achegar ás PEMEs as vantaxes da Sociedade da Información”. O edil tamén aproveitou a ocasión para animar a tódolos veciños a que se anoten nos diversos cursos e “aproveiten esta oportunidade”.    

Para obter máis información ou trasladar as súas necesidades formativas, as persoas interesadas deberán contactar a través de chamada ou de mensaxe de whatsapp no número de teléfono 634 238 962 ou de correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal.