Ponteareas devolve ao mestre Groba a súa aportación á cultura galega cunha sexta edición do Festival Groba

A Orquestra de Cámara Galega presentou hoxe no concello de Ponteareas a sexta edición do Festival Groba que terá lugar do 18 ao 24 de agosto. No acto de presentación deste festival que, ano tras ano, se proclama como a cita máis relevante de divulgación da música clásica, estiveron o Alcalde de Ponteareas, o Deputado de Cultura Xosé Leal, o secretario Xeral da Consellería de Cultura, Anxo Lorenzo e a cellista da OCGA, Alba Reirís acompañados de Rogelio Groba Otero, director artístico.

Co apoio do concello de Ponteareas, da Deputación e da Consellería de Cultura, o Festival Groba tenta devolver toda a aportación que realizou ao mundo musical e cultural o mestre Rogelio Groba Groba constituíndo unha oportunidade única de gozar dos mellores intérpretes da música clásica.

Pero ademais, para o Alcalde de Ponteareas o festival Groba tamén serve para “promocionar e dar oportunidade aos novos talentos que nesta semana ademais de ofrecer concertos tamén aprenden dos mellores mestres da actualidade”. 

Como en cada edición, teremos a ocasión de compartir escenario cada noite, ás 21:00 h, con grandes intérpretes cunha longa e moi importante traxectoria internacional, así como con outros que inician unha máis que prometedora carreira na escena musical.

“No noso constante empeño de innovación, na presente VI edición do Festival Groba contaremos con dous sons que marcarán a diferenza coas pasadas: o son do vento-metal e o son da voz coral. O vento-metal terá como máximo representante o gran instrumentista Pacho Flores, artista de Deutsche Grammophon, considerado como unha verdadeira referencia mundial no eido da trompeta, e Hercules Brass, o quinteto galego de referencia que será o encargado de estrear a obra Distorsións Ubedianas do mestre Groba, dedicada á fantástica creación do pintor pontevedrés Rafael Úbeda, e da que poderemos desfrutar no propio auditorio o día do concerto”, adianta Rogelio Groba Otero, director concertino do festival.

Outra das novidades é a actuación dun dos coros máis importantes do panorama europeo, o Coro de Cámara de Pamplona, que interpretará, xunto á OCGA , a emblemática Cantata, Cantigas de Mar, con textos de Filgueira Valverde e realizará a estrea mundial dunha das últimas obras compostas polo mestre Groba, Rosalía na Catedral, obra que pon música ao poema de Rosalía de Castro en 8 movementos.

Ademais das obras do mestre Groba, formarán parte dos repertorios dos concertos de cada noite moitos outros compositores como J. Neruda, C. Saint-Saëns, G. Faure, Mozart, E. Granados, Mendelsson, J. Turina, Beethoven… En canto á academia, este ano estará dedicado ás masterclasses de trompeta, cello, violín, viola, cello, piano e música de cámara.

Este ano, igual que na pasada edición, a Orquestra de Cámara Galega, orquestra residente do Festival Groba desde o seu inicio no 2013, sairá do auditorio e realizará un concerto na Residencia de Maiores Santa Ana para achegar a música clásica e o espírito do festival ás persoas maiores con dificultades de mobilidade. 

Así mesmo, o Salón de Plenos do Concello será escenario dun concerto de cámara co afán de pór en valor o noso patrimonio e festexar así o 120 aniversario da sede municipal .

Na VI edición do Festival Groba, os obxectivos seguen a ser a divulgación da música do compositor Rogelio Groba, o fomento do estudo da música clásica, tal e como destacou o deputado de Cultural Xosé Leal, e establecer as canles que faciliten a aprendizaxe con mestres internacionais que complementen a súa formación e, desde Ponteareas, continuar mantendo o nome de Galicia como punto de referencia da música de cámara desde o máis alto nivel internacional. 

O secretario Xeral, convidou a todos os amantes da música a gozar do Festival Groba unha edición máis “nun proxecto conxunto que pon en valor o patrimonio musical galego da man do compositor de referencia en Galicia”.

O Festival Groba é o único en España que permite gozar da música dun dos mellores e máis prolíficos compositores españois que atesoura 720 obras de tódolos xéneros musicais, dende sinfonías a óperas Groba é capaz de elevar o folclore galego á música clásica.