Ponteareas sela o seu compromiso co pobo saharaui un ano máis

O goberno de Ponteareas representado polo Alcalde Xosé Represas e a concelleira de Ensino e Participación Cidadá, Cristia Fernández, recibíu hoxe no salón de plenos ás familias que baixo o programa “Vacacións en Paz” acollen a nenos e nenas saharauis grazas ao esforzo e compromiso de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

O goberno e a asociación veñen de asinar un convenio por valor total de 6.000€ que permitíu o financiamento dos traslados e viaxes destes pequenos e pequenas que durante a tempada estival forman parte da veciñanza enriquecendo coa súa cultura as vivenzas destas familias. 

Acoller non so significa xenerosidade, tamén é unha experiencia na que as dúas partes resultan beneficiadas polo intercambio vital de dous pobos irmáns. 

Dende o ano 92 Ponteareas amosa o seu lado máis comprometido sendo unha das vilas con máis familias acolledoras. Solidariedade Galega co Pobo Saharaui informa de que xa está aberto o prazo para que todas as familias que o desexen acollan no verán do 2019 a un neno ou nena dos campamentos saharauis brindándolles así a oportunidade de coñecer mundos novos, tratar posibles doenzas e solventar algunhas carencias provocadas pola vida nos campamentos saharauis. 

Acoller é máis doado grazas á colaboración do concello de Ponteareas que financia os traslados facendo que as familias beneficiarias non teñan que afrontar os gastos de desprazamentos dos cativos e cativas e tan só terán que recibilos nos seus fogares e desfrutar desta marabillosa e fermosa convivencia na que as dúas culturas se funden conformando unha soa familia.

Os distintos convenios coa Seguridade Social, ópticas, dentistas e distintas especialidades sanitarias tamén supoñen un alivio económico para as familias e ofrecen cobertura sanitaria, incluídas oftalmolóxica, odontoloxía e auditiva.

Para premiar este compromiso e facilitar a conciliación familiar o concello de Ponteareas estuda reservar prazas nas actividades de verán como os campamentos do Campus Tea para que os e as saharauis poidan participar como calquera outro ponteareán ou ponteareá. 

A organización adianta que precisa familias acolledoras que coa súa xenerosidade permiten a estes pequenos e pequenas coñecer outro xeito de vida e ver atendidas as súas necesidades máis básicas en canto a saúde. 

Todos os interesados e interesadas deben contactar no teléfono 986 26 26 37.