Ponteareas destina 20.000 euros a bolsas para material escolar e libros

O Goberno local aprobou as bases das axudas ao alumnado das familias con menos ingresos de educación infantil, FP básica, ciclos formativos e bacharelato

Cada axuda será dun máximo de 100 euros para o curso escolar 2016-2017

O Goberno municipal de Ponteareas ven de aprobar as bases para as axudas para material escolar e libros, medida destinada ás familias con menos recursos económicos, “iniciativa que é posible grazas a aprobación dos orzamentos nos que se destina unha partida de 20.000 euros para estas bolsas complementarias. Poderanse conceder un mínimo de 200 axudas por un importe máximo de 100 euros cada unha”, explicou a concelleira de Ensino, Cristina Fernández Davila.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as familias empadroadas no Concello de Ponteareas que teñan menores ao seu cargo, matriculados para o curso escolar 2016/2017 nalgún centro de ensino de Ponteareas en Educación Infantil, FP Básica, Ciclos Formativos e Bacharelato,  ou noutra localidade por non existir a rama de Ciclo Formativo ou modalidade de bacharelato no Concello de Ponteareas, para axudas de libros de texto e material escolar e que non dispoñan de ningunha outra axuda de organismo público. O prazo de presentación de solicitudes será ata o 30 de setembro de 2016.

“O Goberno de Ponteareas leva a cabo esta acción de axuda para paliar a inxusta situación que se produce ano tras ano, pois hai familias que non poden acceder coas súas rendas a libros e materiais escolares”, indica a edil Cristina Fernández.

A totalidade dos requirimentos incluídos nas bases pódense consultar no Departamento de Ensino, sito na planta baixa da Casa do Concello, ou na súa páxina web. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello de Ponteareas ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo o modelo  das propias bases.