Ponteareas conta cos primeiros orzamentos desde 2010

Foron aprobados polo Goberno de BNG, PSdeG e ARDT, coa abstención de EU-Son e os votos en contra de PP e ACiP.

O pleno da Corporación Municipal de Ponteareas en sesión ordinaria do 28 de xuño desestimou as alegacións presentadas polo PP, ACIP, o sindicado CSIF e dous particulares cos votos dos concelleiros que conforman o actual Goberno.  Foron estimadas parcialmente alegacións sobre a plantilla de persoal. Deste xeito, remátase co último trámite para dar por definitivos os Orzamentos Municipais de 2016, os primeiros desde o ano 2010, rematando cunha etapa de máis de 5 anos con estes prorrogados.

Orzamentos

Os orzamentos aprobados contemplan 13,7 millones de ingresos e 12,9 millóns de gastos para este exercicio. Destinará a persoal 5,5 millones de euros; a gastos correntes en bens e servizos, 6,1 millóns de euros; e medio millón de euros a pagar condenas xudiciais de intereses de demora e débedas, así como outros gastos financeiros. Ademais, o Goberno insistiu no carácter social destas contas polo aumento de gasto nas partidas dedicadas ás axudas de emerxencia social, pasando de 60.000 a 90.000 euros, que chegará a máis familias con máis importe, así como as previsións de 30.000 euros para o servizo de comedor escolar e 20.000 euros para material escolar e libros. Asemade, inclúe unha partida de 50.000 euros para subvencionar a creación de postos de traballo e destina 40.000 euros ás actividades das casas culturais e outros 40.000 euros aos clubs deportivos.

Peonalización

Por outro lado, o Goberno local deu as explicacións oportunas aos veciños e comerciantes das rúas da Esperanza, Oriente e Praza Maior, presentes no pleno, no que tamén interveu un dos comerciantes desta zona. O Goberno local respondeu tamén a petición das explicacións sobre este tema do PP. O Goberno local comprometeuse a crear unha comisión de traballo e convidou á veciñanza e comerciantes a escoller representantes, a fin de abordar as melloras na seguranza e convivencia na zona nun futuro.

Amais, ao comezo do pleno tamén se deu á benvida na corporación ao novo edil de ACiP, Manuel Gregores, tras a vacante deixada por María José Aparicio.