Ponteareas consegue as axudas do Programa de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado

A candidatura foi seleccionada de entre 269 propostas polo Ministerio de Facenda e Administración Pública e o Concello recibirá unha axuda de 5 millóns,  cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)

A Corporación Municipal aprobara en pleno no mes de xaneiro presentar a candidatura para optar ás axudas que o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Ministerio de Facenda, disporá para aplicar accións relacionadas co desenvolvemento urbano sostible e integrado.

A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) de Ponteareas, presenta un orzamento de 6.250.000 euros. A axuda concedida dos FEDER ascende a 5.000.000 de euros, o máximo ao que se pode optar. O Concello comprométese a aportar os 1.250.000 euros restantes no período que vai dende o presente ano 2016 até o vindeiro ano 2020.

A estratexia “Ponteareas, Hábitat Saudable” desenvolverá catro grandes eixos: tecnoloxías da información, economía baixa en carbono, protección do medio ambiente e inclusión social e redución da pobreza.

Trátase dunha oportunidade para que “Ponteareas logre unha cidade saudable, sustentable e inclusiva no Horizonte 2020. O obxectivo é poñer en marcha medidas relacionadas co fomento de emprego, coa modernización da administración, co acceso ás novas tecnoloxías da información, coa eficiencia enerxética, coa promoción da paisaxe cultural e do patrimonio inmaterial e coa inclusión dos colectivos menos favorecidos”, sinalou o alcalde, Xosé Represas. “A concesión destas axudas é proba do traballo solvente de todo un Concello a prol da cidadanía”, comentou a concelleira de Urbanismo, Vías e Obras, Chus Garrote.

Poranse en marcha grupos de traballo coa veciñanza, asociacións e axentes locais co fin de definir os proxectos concretos a desenvolver dentro da idea xeral de facer unha cidade máis amigable. Ao mesmo tempo, dende o Concello, crearíase unha comisión especial de seguimento na que estarían representados todos os grupos da corporación.