Ponteareas consegue 638.000€ de fondos europeos para a rehabilitación integral da residencia de maiores

Ponteareas consegue 638.000€ de fondos europeos para a rehabilitación integral da residencia de maiores

O proxecto foi un dos 15 subvencionados en toda Galicia polo programa PIREP de entre o milleiro de iniciativas presentadas a nivel estatal

Ponteareas acaba de conseguir unha subvención de case 638.000 euros de fondos europeos para a rehabilitación da residencia de maiores, mellorando prestacións e reorganizando espazos deste inmoble construído en 1979. Con este proxecto actuarase sobre a eficiencia enerxética do edificio, a calidade espacial, a funcionalidade, a accesibilidade e o confort, levando a cabo unha rehabilitación cun enfoque integral.

Este proxecto foi un dos 15 seleccionados en toda Galicia entre as máis de mil iniciativas presentadas en toda España para recibir os fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Esta proposta presentada polo Concello de Ponteareas acadou unha puntuación moi boa, acadando o posto 132 de entre todos os proxectos enviados que optaban ao financiamento.

A través deste proxecto mellorarase a envolvente térmica do edificio, dotando de illamento térmico fachadas e cubertas, disporanse de diferentes elementos activos para a protección solar e instalarase un sistema de ventilación con recuperación de calor que permita manter o normal funcionamento do inmoble en contextos como o da COVID-19 sen reducir prestacións e mellorando a calidade de aire.

Renovarase ademais a iluminación interior con sistemas LED, mellorarase a accesibilidade e procederase ao peche do porte situado na fachada oeste para gañar un novo espazo de uso multifuncional durante todo ano, entre outras accións. O Concello deseñou este proxecto contando cun proceso participativo coa veciñanza e a dirección do centro para incluír todas aquelas demandas que permitiran achegar á iniciativa un enfoque integral, sen limitarse a unha mellora da eficiencia enerxética.

Unha vez acadados estes fondos europeos o Concello proporá á Xunta a sinatura dun convenio de colaboración para que a administración autonómica, que ten as competencias do servizo de residencia de maiores, financie a parte restante do proxecto, que ascende a máis de 1,1 millóns de euros. A pesar de que aos concellos non lles corresponde asumilo, o mantemento da residencia de maiores supuxo un gasto de case 779.000 euros para as arcas municipais durante os últimos catro anos.  Neste convenio tamén se abordaría a coordinación entre Concello e Xunta para continuar prestando o servizo durante a duración das obras.  

Ponteareas consegue 638.000€ de fondos europeos para a rehabilitación integral da residencia de maiores