Este venres máis de 20 stands amosarán o lado máis científico do alumnado ponteareán na Feira das Ciencias

Este venres máis de 20 stands amosarán o lado máis científico do alumnado ponteareán na Feira das Ciencias

Ponte nas Ondas realizará un programa co alumnado dos centros educativos en directo dende a Praza Bugallal

A Feira das Ciencias será na Praza Bugallal de 17.00 a 20.00 horas e no caso de climatoloxía adversa trasladarase á pista cuberta do CEIP Virxe dos Remedios

A Semana das Ciencias pecha este venres 21 de abril a súa sétima edición coa celebración da Feira das Ciencias. Máis de vinte stands de todos os centros educativos de Ponteareas amosarán o alto grao de curiosidade da nosa infancia e da mocidade. Experimentos, investigacións, inventos e un sen fin de probas e ensaios que demostrarán que a ciencia está agochada en cada xesto da nosa vida diaria.

Aos anteriores stands súmanse o da escritora Isabel Blanco, que asinará os seus libros, e o de Dores Pereira e Paula Lago, no que o público poderá afondar nos beneficios das plantas e conversar coas autoras e ilustradoras.

Este ano a Feira das Ciencias cambia de escenario e trasládase á Praza Bugallal onde Ponte nas Ondas emitirá un programa en directo locutado polo alumnado dos centros educativos. A través de entrevistas a persoas senlleiras de Ponteareas rescatarase da memoria oficios antigos, tradicións, cultura, música… Pero esta non é a única actividade da última cita coas ciencias, o público tamén podera xogar ás 11 Torres de Xabier Prado e tentar derrubalas nun exercicio de axilidade e estratexia. O alumnado do conservatorio municipal de música, acompañado do seu profesorado e da dirección, porán música a esta tarde de feira e participarán no programa de Ponte Nas Ondas. O violinista Zeus Alfaya e Alcira Borges ao violonchelo serán exemplo da longa tradición musical da vila.

Ao longo desta semana Semana das Ciencias o alumnado dos centros de ensino de Ponteareas participa en obradoiros, conferencias, xogos e visitas nos que descubrir a pegada da ciencia na profesión do xornalismo, do deseño e da comunicación.

A alcaldesa de Ponteareas,  Cristina Fernández, agradece a implicación das empresas locais que reciben ao alumnado para amosarlle o día a día da súa profesión nos seus negocios de imprenta e deseño dixital. Tamén quere agradecer a colaboración de toda a comunidade educativa que fai posible a Feira das Ciencias e que asiste ao ciclo de conferencias das tardes na sala multiúsos do auditorio municipal.