Ponteareas conmemora o Día Internacional dos Museos cunha visita guiada para coñecer a historia da vila

Ponteareas conmemora o Día Internacional dos Museos cunha visita guiada para coñecer a historia da vila

Será o xoves 18 de maio ás 18.00 horas. De balde e con prazas limitadas, é necesario inscribirse para participar

Ponteareas conmemorará o Día Internacional dos Museos cunha visita guiada para dar a coñecer ao público a historia da vila. A actividade terá lugar o vindeiro xoves 18 de maio a partir das 18.00 horas, un encontro de balde aberto a todos os públicos a través dos que as persoas participantes poderán achegarse a importantes elementos da historia ponteareá.  

A visita contará con prazas limitadas, polo que para participar será necesaria a inscrición previa ben enviando un correo electrónico ao enderezo bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou ben chamando ao 986 660 765.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a todas as persoas de Ponteareas e de fóra da vila “a achegarse á nosa historia a través desta iniciativa ao tempo que coñece un pouco máis sobre o noso museo municipal”.

O Museo Municipal de Ponteareas artéllase en diferentes apartados temáticos que recollen distintas épocas da historia. Así, da Prehistoria, dende a época paleolítica á romanización, destacan materiais procedentes do xacemento arqueolóxico do Castro de Troña, o petróglifo de Chan da Gándara e unha pequena colección de bronces do Coto de Altamira, en Taboexa, As Neves, coa figura dun togado.

Pola súa banda, da época medieval sobresae a pía bautismal de notábeis proporcións ben conservada de estilo románico, mentres que a parte da historia contemporánea está dedicada fundamentalmente a importantes persoeiros nados en Ponteareas que se distinguiron en distintos ámbitos da vida política, social e cultural. Así, no eido político, cómpre destacar a Amado Garra Castellanzuelo, Gabino Bugallal e Isidoro Bugallal Araújo. No campo das letras, hai que facer mención a Manuel Domínguez Benavides, Fermín Bouza Brey, Alfredo Pedro Guisado. Para alén do músico e compositor Reveriano Soutullo ou de artistas como Vidales Tomé, Antonio Medal, Rogelio Lorenzo ou Afonso Quinteiro.

Recentemente o Museo Municipal de Ponteareas ampliou o seu catálogo de pezas cunha lauda sepulcral de época medieval, aparecida nas inmediacións da Ponte das Partidas, en Moreira.