Ponteareas conmemora o Día Internacional dos Museos cunha visita guiada para achegarse á historia da vila

 

Será este mércores 18 de maio ás 19 horas no Museo Municipal

 

Ponteareas conmemora o Día Internacional dos Museos cunha visita guiada para coñecer a historia da vila. Este mércores 18 de maio o Museo Municipal acollerá unha visita aberta a todos os públicos na que ao longo de 45 minutos permitirá ás e aos visitantes coñecer elementos importantes da historia ponteareá, dende a Prehistoria ata a Idade Contemporánea.

 

A visita será ás 19.00 h e para asistir é necesario realizar reserva previa enviando un correo electrónico a bibliotecamuseo@ponteareas.gal ou ben chamando ao teléfono 986 660 765.

 

“Animamos a todas as persoas de Ponteareas e de fóra da vila a achegarse á nosa historia a través desta iniciativa e coñecer ademais o noso museo municipal da man dunha das persoas máis versadas sobre a materia, ao tempo que conmemoramos o Día Internacional destas institucións”, explica Fernando Groba, concelleiro de Cultura.

 

O Museo Municipal de Ponteareas artéllase en diferentes apartados temáticos que recollen distintas épocas da historia. Así, da Prehistoria, dende a época paleolítica á romanización, destacan materiais procedentes do xacemento arqueolóxico do Castro de Troña, o petróglifo de Chan da Gándara e unha pequena colección de bronces do Coto de Altamira, en Taboexa, As Neves, coa figura dun togado.

 

Pola súa banda, da época medieval sobresae a pía bautismal de notábeis proporcións ben conservada de estilo románico, mentres que a parte da historia contemporánea está dedicada fundamentalmente a importantes persoeiros nados en Ponteareas que se distinguiron en distintos ámbitos da vida política, social e cultural.