Marcos Martíns, de Bordelho Advogados, recolleu na Gala da Lingua o galardón ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ 2021 polo seu uso do galego dende hai décadas
Areal Madeiras e Afíns fíxose co premio na categoría de uso continuado da lingua, mentres que Nuria Gesteira, de Adobiarte, acadouno na categoría de incorporación recente
Ponteareas recoñece un ano máis ás persoas ou empresas que, día a día, achegan a lingua galega dun xeito normalizado aos consumidores e consumidoras e “contribúen deste xeito ao aumento e mellora do uso social do galego no sector empresarial”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández Davila. O Concello entregou dentro da Gala da Lingua celebrada este Día das Letras Galegas os premios ‘Ponteareas, Lingua e Empresa’ 2021, co que destacar o labor pola lingua feita por tres empresas da vila.
Nesta edición, Marcos Martíns López, de Bordelho Advogado, acadou o galardón na categoría de ‘Traxectoria do uso da lingua galega ao longo de décadas’ polo uso do galego na súa actividade profesional dende o ano 2000 ata a actualidade, “sendo unha das notas características do seu despacho o uso do galego como lingua vehicular de comunicación, convertendo o seu traballo nun modelo a seguir por outros e outras profesionais da avogacía”, segundo explica o concelleiro de Lingua, Fernando Groba.
Na categoría de ‘Uso continuado da lingua galega’, o premio concedeuse a Areal Madeiras e Afíns como recoñecemento á utilización da lingua galega na súa actividade empresarial desde o ano 2010 ata hoxe, tanto na comunicación externa como interna, así como na publicidade e información da empresa a través da súa páxina web, “converténdose nun escaparate de difusión da lingua neste sector”.
Pola súa banda, Nuria Gesteira, do establecemento de venda de traxe tradicional, instrumentos, artesanía, agasallos… Adobiarte, fíxose co galardón na categoría de ‘Incorporación recente ao uso da lingua galega’ “polo emprego da lingua galega nas relacións coa súa clientela e a través das redes sociais dende o ano 2018 apostando por produtos etiquetados e rotulados na nosa lingua”.
As empresas gañadoras recibiron unha escultura exclusiva creada polo artista ponteareán Silverio Rivas para estes galardóns. A edil de Promoción Económica, Eva Gil, traslada os parabéns do Concello a todas as gañadoras e gañadores xa que “actitudes tan positivas como estas teñen unha grande importancia para o prestixio social da nosa lingua no ámbito socioeconómico, achegando aos veciños e veciñas o galego e xerando unha maior receptividade ao seu uso na sociedade”.