Ponteareas acolle a mostra “Unha Porta do Rial” no auditorio municipal

As obras da pintora Elhaba Carballo e o fotógrafo Riobó Prada está aberta de balde ao publico a partir das 20.00 horas de hoxe xoves 8 ata o 29 de setembro, organizada coa colaboración da Concellería de Cultura, coordinada por Hortensia Bautista

Devandita exposición, composta polas pinturas  de Ehlaba Carballo e as fotografías de Riobó Prada, toma como principal protagonista a O Rial, unha pequena aldea  do  concello  de Maceda  (Ourense). “Comezamos este proxecto no 2010, na aldea da que é orixinaria miña nai e na que pasei moitos momentos da miña infancia. Eu lembraba como era a porta e ver o seu actual deterioro impactoume”, explica Elhaba Carballo. “Como transfondo tamén é unha mostra do abandono do noso rural e da actual situación social na que hai tantas aldeas sen xente e tanta xente sen casas que habitar”, engade.

inauguraciónaportadorial

Os artistas mostran unha historia “universal” a través dun elemento tan sinxelo como característico das construcións  habitadas:  unha porta.  A  exposición  é  tamén  unha homenaxe  ao tempo como  elemento transformador das paisaxes rurais. “É boa mostra do inmenso patrimonio e beleza que hai no rural galego, que entre todas temos tratar de coidar”, sinala a edil Hortensia Bautista.

Estas obras de Riobó Prada e Elhaba Carballo xa pasaron polo museo Marcos Valcárcel en Ourense, o Museo do Pobo Galego en Santiago, os Concellos de Maceda e Verín, e agora chega a Ponteareas. A súa próxima parada será Berlín.

“Convidamos a toda a veciñanza a achegarse a esta homenaxe ao rural, que cunha soa porta pode contar tantas historias e expresar tanto, e axuda a recoñecernos e, a súa vez, reivindica a importancia do noso patrimonio colectivo”, indica o alcalde Xosé Represas.