Ponteareas preselecciona as 20 persoas desempregadas e os profesores para o obradoiro de emprego

O 19 de setembro iniciarán a súa actividade por un prazo de 6 meses no que realizarán traballos de rehabilitación en construcións municipais e na atención sociosanitaria a persoas no domicilio

O obradoiro de emprego do Concello de Ponteareas rematará nos vindeiros días o proceso de selección das 20 persoas desempregadas que participarán no mesmo a partir do 19 de setembro.

40 persoas desempregadas están convocadas o 13 de setembro no Centro de Desenvolvemento Local para levar a cabo o procedemento de selección para os cursos de albanelería e atención socio sanitaria segundo a normativa vixente da Xunta de Galicia. Á súa vez, hai tamén 30 candidatas e candidatos para ocupar as prazas de profesores, titor, director e administrativo que levarán adiante ambos os dous cursos para desempregados.

As persoas seleccionadas estudarán e traballarán durante seis meses e cobrarán unha remuneración igual ao salario mínimo interprofesional de 655,20 euros ao mes. Amais, o programa dará traballo a tres persoas para o equipo formativo do programa. O persoal docente a contratar está pendente por determinar en función dos criterios da Xunta de Galicia.

O alcalde, Xosé Represas, responsable de Emprego e Desenvolvemento Local, indicou que a creación de emprego é unha prioridade do goberno de Ponteareas e neste sentido os obradoiros de emprego permiten unha nova oportunidade laboral, neste caso para 20 persoas, unha acción que tamén permite realizar obras e actuacións públicas.

O obradoiro é subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 180.000 euros, importe que financiará os salarios e a seguridade social dos 20 participantes e os profesores, correndo o Concello co custe dos materiais empregados.

O programa de atención socio sanitaria permitirá que 10 alumnos adquiran competencias de axuda no fogar a persoas con especiais necesidades de saúde física, psíquica e social, aplicando as estratexias e os procedementos máis axeitados para manter e mellorar a a súa autonomía persoal e as súas relacións co entorno.

O outro programa ten que ver coa especialidade de albanelería e construción, que posibilitaría que outros 10 estudantes poñan en práctica os coñecementos adquiridos a través da rehabilitación do local que está baixo o escenario do Parque da Feira Vella e de dúas vivendas na rúa dos Mestres coa finalidade de destinalas a situacións temporais de emerxencia social.

Os listados tanto para as posibles alumnas e alumnos desempregados como para os profesionais que levarán a cabo o curso están expostos no taboleiro de anuncios do Concello de Ponteareas e na web no apartado de Oferta Pública de Emprego.