Ponteareas aclara que os Concellos non dispoñen de datos oficiais sobre contaxios a nivel municipal

Nas últimas semanas medra a petición de datos creando preocupación, sospeitas e alarma inxustificadas

O Concello de Ponteareas aclara que os Concellos non dispoñen de datos oficiais sobre contaxios no ámbito municipal. Desde o goberno local do BNG e PSOE explican que “os datos sobre contaxios tenos o SERGAS e a súa política informativa, que en ningún caso cuestionamos, consiste en dar información por áreas sanitarias, en ningún caso por Concellos”.

O propio Sergas confirmou oficialmente á concelleira de saúde, Cristina Fernández, que os datos por concellos non se facilitan. Neste sentido, a concelleira nacionalista apela á responsabilidade dos cidadáns e non plantexar ao Concello esixencias de información da que carecemos, creando un alarmismo innecesario.

O Concello advirte ademais que os mapas de Galicia con supostos casos detectados que están circulando por redes sociais son informacións non oficiais e sen fonte coñecida e contrastada, en definitiva, auténticos bulos que non se deben propagar nin estender irresponsabelmente.

Por último, desde o goberno do BNG e PSOE, a través da responsable de Saúde aclara que “o Concello de Ponteareas en ningún caso vai dar información sobre esta crise e sobre persoas ou lugares afectados que non sexan oficiais, compartidos polas autoridades competentes”, e engade que “a veciñanza debe ser consciente de que Ponteareas é un concello onde se están tomando todas as medidas de prevención necesarias e insta a toda a poboación a seguir colaborando xuntos na procura de salvar esta situación o antes posible e co menor número de afectados”.

Cristina Fernández salientou que, en todo caso, o Concello mantén unha coordinación e comunicación permanente e diaria co Centro de Saúde de Ponteareas, ofertando ao sistema sanitario todo os servizos municipais que poidan precisar para atender calquera incidencia no marco da crise sanitaria, incluidas as situacións de illamentos.